Dende tempo inmemorial, e ata ben entrado o século XX, fontes e lavadoiros contribuíron ao desenvolvemento da vida diaria dos nosos devanceiros, fundamentalmente no rural galego.
Agora, en pleno século XXI, a chegada das novas tecnoloxías foron decisivas na mellora da calidade de vida, e fontes e lavadoiros deixaron de ser de utilidade, e pouco a pouco, fomos afastándoos da nosa vida, e o que é máis preocupante, da nosa contorna, e por engadido, da nosa historia.
Dende esta páxina queremos dar a coñecer as «Fontes e Lavadoiros» do Concello de Mugardos, con datos, imaxes, lendas e anécdotas de cada unha delas/deles, contadas de primeira man polos/as veciños/as de tódalas parroquias do Concello.
Así mesmo, queremos chamar a atención sobre o estado de total abandono no que se atopa o noso patrimonio etnográfico, que se non poñemos remedio, en pouco tempo desaparecerá para sempre. Agardamos que este breve traballo serva para espertar o interese de todos/as por coñecer o noso patrimonio material: Hórreos, muíños, castros, fontes, lavadoiros, etc. Uns e outros forman parte da nosa cultura, e entre todos/as temos que conservar e recuperar este extenso e variado patrimonio, para entregarllo ás vindeiras xeracións nas mellores condicións posibles.
Probablemente algúns termos aquí empregados non normativos, nin actuais, pois quixemos usar o vocabulario da xente das parroquias, da rúa. Transmitimos con fidelidade calquera nome, expresión, ou lugar, que os/as veciños/as do Concello nos comentaron, e así volo facemos chegar.
Grazas a tódolos/as veciños/as do Concello de Mugardos, e a todas aquelas persoas que dende o ano 2004 (con varias paradas no camiño), colaboraron comigo para que poidamos, por fin, compartir esta páxina con todos vós.
A José Veiga, Antonio Martínez (Caco), José (Helvetas), Jorge Blanco, Cesar Pena, Miguel Rodríguez, Fátima (Arquivo municipal), Tomás Monteagudo, Alberto “Comunidade O Zulo”.
Grazas a tod@s.
Juan Fernández Ameneiro
O equipo
A Cultura da Auga é un proxecto feito por mugardeses, que adicaron parte do seu tempo de lecer na elaboración dos diferentes compoñentes que conforman este catálogo.
Catalogo aberto
Ao tratarse dun catálogo dixital aberto, o acceso aos datos non está rexistrixido únicamente á súa visualización neste sitio web. O acceso aos datos en distintos formatos é libre e gratuito.